Xornada informativa sobre a acreditación de competencias profesionais
A iniciativa, do Departamento de Promoción Económica e desenvolvemento, chega despois de que a Consellería de Educación e a de Economía e Industria desen a coñecer en pasadas semanas, sendas convocatorias públicas para o recoñecemento de ditas competencias
O Salón de actos do Centro Arteixo Innovación acolle o próximo 27 de Xaneiro un encontro no que se analizará o novo marco que se establece para a acreditación das competencias profesionais.
No contexto da Unión Europea, dentro das políticas activas de emprego e formación que buscan fomentar a aprendizaxe ao longo de toda a vida, ocupa un lugar destacado o recoñecemento de todas as formas de aprendizaxe, formais, non formais e informais, con especial atención ao recoñecemento da experiencia laboral, o que se comezou a plasmar en 2004 cos Principios comúns europeos para a validación da aprendizaxe non formal e informal, e culminou na Nova Axenda das Competencias para Europa (NSAE) na cal se recolle a crecente importancia da educación non formal e informal como un dos motores do cambio.
A cita será a partir das 17.30 h e no mesmo intervirán Manuel Pérez Millares que é avaliador formativo en Acreditación de competencias; Carmelo Sanjorje que é docente de hostalería e turismo no CIFP Paseo das Pontes; e Enrique Fernández, Xefe de Departamento de Acreditación de competencias e probas no CEIP de Someso.