Arteixo será unha das Lanzadeiras de Emprego da Xunta de Galicia
Trátase dunha iniciativa que pretende mellorar a empregabilidade da mocidade galega e que se porá en marcha a partir do mes de xuño, ademáis de en Arteixo, en Marín, Redondela, Lugo e Santiago
A actuación, que se realizará conxuntamente coas fundacións Telefónica e Santa María La Real, diríxese a 125 persoas desempregadas, para homes entre 18 anos e menores de 30; e mulleres entre 18 e menores de 35.
Cada Lanzadeira estará formada por un máximo de 25 persoas sen emprego que, coordinado por un técnico, poderán reforzar as súas competencias e descubrir todas as habilidades coas que contan para obter un traballo ou desenvolver o seu propio proxecto empresarial.
O programa, que terá unha duración de 5 meses, busca mellorar a empregabilidade destes mozos e mozas e que sexan proactivos na busca dun posto de traballo. Ofrecerase neste período de tempo técnicas de coaching e para desenvolver a intelixencia emocional, estratexias de busca de emprego activas, creación de redes e contactos profesionais, ao tempo que se fomentará a cultura emprendedora. Tamén se impartirán novas técnicas de elaboración e presentación de currículos e cómo afrontar as entrevistas de traballo a través de diversas dinámicas. Do que se trata é de aplicar os novos métodos para incrementar as oportunidades de atopar un emprego da man dos expertos da Fundación Santa María la Real que teñen levado este modelo a máis de 15 Comunidades Autónomas cunha media de inserción laboral do 60%.
Preténdese formar un equipo nun clima de confianza e axuda mutua a través do que se desenvolverán mapas de empregabilidade co propósito de que a mocidade aprenda a traballar a marca persoal, a diferenciarse e posicionarse mellor no mercado actual de traballo.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria explica que estas lanzadeiras complementan a outras iniciativas que a Xunta xa ten en marcha para apoiar o emprego xuvenil como so Programa Aprol de incentivos á contratación no que se inclúe o Plan de Garantía Xuvenil. Este último conta con varias liñas de axuda que suman 12,7 millóns de euros para, entre outras actuacións, respaldar aos autónomos e poñer en marcha obradoiros de emprego específicos para a xuventude.