Atrás

Arteixo recibirá a aula móbil do programa de Garantía Xuvenil da Xunta de Galicia

 

 

O obxectivo do programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados

A aula estará instalada no Concello de Arteixo durante os días 18 e 19 de novembro no aparcamento do campo de fútbol pola súa proximidade aos centros educativos.

Esta aula itinerante percorre Galicia e pretende facilitar información a todos os mozosque queiran formar parte do programa. Está dotada de equipamentos informáticos e conta cun equipo de asesores que darán charlas e responderán a todas as dúbidas que se formulen.

Para acadar o seu obxectivo, o programa vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas). Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.